A 28ª edición de Cineuropa exhibirá 227 filmes do 9 ao 30 de novembro

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, xunto coa concelleira de Cultura, María Antón; e o director de Cineuropa, José Luis Losa, presentou en rolda de prensa a 28ª edición de Cineuropa, que se celebra na cidade do 9 ao 30 de novembro. Poderemos ver un total de 227 películas no Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC e Afundación de Abanca. Ademais, tamén se anunciaron os premiados deste ano que estarán en Compostela para recibir o seu galardón: a actriz Bárbara Lennie, o realizador danés Nils Malmros e o produtor de cinema independente Paulo Branco. As proxeccións complétanse con Cineuropa Concerto, un programa musical no que poderemos asistir a oito concertos, entre eles propostas especiais arredor do cinema da man da Banda Municipal de Música e da Real Filharmonía de Galicia.

Agustín Hernández cualificou Cineuropa como “unha das citas culturais máis importantes do ano na nosa cidade”. “Este ano, serán máis de 200 películas as que poderemos ver, máis de 200 ventás abertas ao mundo que converten a cidade na capital europea do cinema no mes de novembro”, dixo, lembrando que moitos destes filmes “aínda non se puideron ver no resto de España”.

Reivindicou o modelo dun “festival para o público” como base do éxito de Cineuropa. “E esa incondicionalidade do público, xunto á coherencia da programación, é a que permitiu consolidar Cineuropa como un proxecto de cidade”, indicou.

Malia a modestia orzamentaria respecto a outros certames, explicou, Cineuropa adquiriu un “eco internacional” que fai que acudan ao mesmo “nomes de primeira entidade xa non en España senón en Europa e no mundo”. Puxo como exemplo os Premios Cineuropa deste ano: Paulo Branco, Nils Malmros e Barbara Lennie.

O mellor dos festivais europeos
Esta edición de Cineuropa abrirá o seu telón o próximo 9 de novembro coa proxección de Une nouvelle amie, a obra recen filmada por François Ozon, un dos habituais do festival. Esta será a primeira das 35 películas que competirán na Sección Oficial polo premio do público. Entre elas, pratos fortes como os últimos filmes de Bonello, os irmáns Dardenne, Mike Leigh… ou o recente León de Ouro en Venecia, e filmes galardoados en Cannes, na Berlinale, na Seminci, en Locarno ou en San Sebastián, entre outros.

Ademais das seccións habituais, Sección Oficial, Panorama Internacional, Docs-Cineuropa, Fantastique Compostela, Panorama Audiovisual Galego ou Docs-Music, este ano para Neil Young, o programa complétase con outras seccións. Cinefilias con tributos específicos a Lauren Bacall, James Garner, Robin Williams, Eli Wallach, Mario Monicelli e Philip Seymour Hoffman; unha Retrospectiva a Nils Malmros e un apartado específico para os Premios Lux. Faremos tamén un repaso ao cinema do Novo Hollywood coa proxección de 60 filmes en “Cando o tiburón devorou o cine; ascenso e caída do Novo Hollywood” e, con motivo do 25 aniversario da caída do muro de Berlín, repasaremos o cinema alemán nas seccións “Berlín; 25 anos sen muro” e “Ao outro lado do muro: o cine na RDA”. Tamén teremos seccións especiais dedicadas a Cole Porter, Alain Resnais, Roy Anderson e Bertrand Bonello, así como unha sección de “Disidencias”, cun especial “Foco asturiano” e o tradicional Maratón.

Bárbara Lennie, Nils Malmros e Paulo Branco, premiados desta edición
Bárbara Lennie, a definida por algúns como musa do cine indie español, presente nos últimos meses en Stella Cadente e en El Niño, acaba de obter un triunfo maiúsculo en San Sebastián coa Concha de Ouro para Magical Girl. Igual que o pasado ano sucedeu con Marian Álvarez, protagonista de La herida, esta presenza en Cineuropa da actriz máis poderosa do panorama español, podería ser o anticipo do seu Goya por Magical Girl. Un filme que se poderá ver o día de entrega do premio e no que Barbara Lennie comparte memorable cartel con Pepe Sacristán, Premio Cineuropa de 2012.

Nils Malmros, o gran clásico do cine danés, é candidato este ano ao Oscar coa súa obra mestra Sorrow and Joy, filme que poderemos ver en Cineuropa. Malmros foi este ano protagonista dunha retrospectiva no Festival de Rotterdam, un repaso ao seu cine que se celebrará igualmente en Cineuropa como primicia absoluta en España.

Paulo Branco é o produtor europeo máis relevante do último medio século dentro do cinema independente. Produtor de Wim Wenders, de Paul Auster, de David Cronenberg ou de Manoel de Oliveira, entre outros. Visitounos cun dos seus filmes hai dous anos e agora volve para recibir o tributo do festival, no que se proxectará un filme, Variacións Casanova, con John Malkovich, a metade de camiño entre a ópera, o teatro e o cine.

Cineuropa Concerto
Ademais das proxeccións, Cineuropa ofrece un programa musical paralelo en Cineuropa Concerto. Teremos oito citas musicais de variados estilos e para todos os gustos. Destaca a colaboración da Banda Municipal de Música e da Real Filharmonía de Galicia con programas específicos de música de cine. A Banda ofrece o domingo 23, na Sala Agustín Magán, Música do cinema español e a RFG, o día 14 no Auditorio de Galicia, Charles Chaplin: The gold rush (A quimera de ouro).

Ademais, Guitar Crusher estará o día 7; Aurora & The Bertrayers presenta o seu novo disco, Shadows go away, o 13, e Arizona Baby tamén presentan o seu novo traballo, It is called work, o venres 14. Os tres concertos serán na Sala Capitol. O sábado 15 poderemos asistir á presentación de Granada, o novo disco de Silvia Pérez Cruz & Raül Fernández Miró no Auditorio Abanca; o sábado 22 chegan Elefantes con El Rinoceronte á Capitol e pechan o Cineuropa Concerto, o xoves 27, tamén na Capitol, Supersubmarina, co seu último traballo: Viento de cara.

14147539701414677300IMG_3014

1414681472cartel_cineuropa

1414677315IMG_3027